06/06/2012

Libélulas


A libélula, libeliña ou cabalo do demo é un insecto alado pertencente á suborde Anisoptera. As súas características distintivas son as seguintes: corpo fusiforme, co abdome moi alongado, ollos compostos e dous pares de alas semitransparentes. As libélulas son predadoras e aliméntanse doutros insectos, mosquitos e moscas. Este grupo ten distribución mundial e ten preferencia por hábitats nas inmediacións de cursos de auga estancada (pozas ou lagos temporais), zonas pantanosas ou preto de ribeiras e regatos. As larvas de libélula (chamadas ninfas) son acuáticas, carnívoras e extremadamente agresivas, poidendo alimentarse non só de insectos senón tamén de peixes xuvenís.

As libélulas non teñen a capacidade de picar, porque as súas mandíbulas están adaptadas á mastigación. Dentro do seu ecosistema, son bastante útiles no control das poboacións de mosquitos e das súas outras presas, prestando así un servizo importante ao home.
As libélulas adultas cazan á base do seu sentido de visión extremadamente agudo. Os seus ollos están compostos por millares de facetas (ata 30.000) e confírenlles un campo visual de 360 graos. As libélulas meden entre 2 e 19 cm de envergadura e as especies máis rápidas poden voar a cerca de 85 km/h.


Por: Agatea

Sem comentários:

Enviar um comentário